Sunday, November 12, 2017

A Day of Words: Roteiro literario Martin Codax: O son das ondas

Cando comezarían os roteiros literarios? Quizais no século V a. de C. co historiador e escritor grego Herodoto e os seus relatos máxicos sobre o antigo Exipto na época ptolemaica que inspiraron a miles de cidadáns gregos e máis tarde romanos a visitar as ribeiras do Nilo na procura de grandes marabillas. No XIX foron os británicos Keats, Byron e Shelley os que motivaron a lectores e lectoras a viaxar a Italia, igual que E.M. Forster a primeiros do XX. 

Onte tivemos tamén a oportunidade de procurar as pegadas vitais e verbais de xograres e trobadores guiados pola erudición e brillantez de  Henrique Monteagudonun roteiro literario organizado por Carlos Rodríguez do CAFI Galicia, titulado "Martin Codax: O son das ondas". Foi unha continuación moi axeitada do roteiro de lírica medieval en Compostela que realizamos o curso pasado. Desta volta, da man do profesor Monteagudo revisamos o desenvolvemento e evolución do discurso dos trobadores e xograres como unha colección de topoi e xeitos de expresión que axiña callaron nun coro de regras; a diferencia e conexión entre xograres e trobadores; unha análise da forma e os temas das cantigas; a diferencia entre as cantigas de amor e as de amigo e tamén o onde, cando e porque da emerxencia desta poesía.

O coñecemento profundo de Henrique Monteagudo e as súas explicacións entusiastas e perspicaces leváronos alén do exercicio de asimilar datos, invitándonos a reflexionar sobre a sociedade, a identidade, a política, e os problemas da época. E sobre todo, a apreciar as cantigas polo valor que teñen ao estricar a poesía sacándoa do ámbito relixioso (aínda mantendo elementos deste eido) e do control da igrexa.

Mapa sacado dos materiais proporcionados polo CAFI
Comezamos na vila de Pontevedra, onde Carlos Rodríguez nos fixo unha revisión das lecturas relacionadas co tema que nos recomendaba, entre as cales se atopaban por suposto os textos de Henrique Monteagudo así como A arte de trobar de Santiago Lopo (da que vos falei aquí).

Igrexa-convento de San Francisco 
Carlos Rodríguez e Henrique Monteagudo

As frores do meu amigo

briosas van no navio,
e van-se as frores
d'aqui ben con meus amores
idas son as frores
d'aqui ben con meus amores
(Pai Gómez Chariño)

Sartego de Pai Gómez Chariño
Ao pé do sartego de Pai Gómez Chariño, aristócrata de orixe dubidosa relacionado con dúas familias nobres, os Soutomaior e os Churruchaos, Monteagudo afondou na dicotomía socioliteraria existente entre xograres (pertencentes á plebe anónima, máis ben executores) e os trobadores (alta aristocracia, creadores) e no conflito que xurdiu no momento en que os xograres galegos comezaron a reivindicarse como creadores.

Fixo tamén unha revisión de varios aspectos determinantes para que hoxe en día dispoñamos de cancioneiros: a relación existente entre xograres e trobadores, coetáneos en moitos casos e interdependentes en tanto foron os trobadores os que fixeron o traballo de compilar cancioneiros; a relevancia da diócese de Tui na difusión da "moda cultural" deste tipo de composicións e o rol das mulleres como grandes padroeiras e estimuladoras da lírica trobadoresca.

Salientou a importancia do elemento marítimo nas composicións galegas, que ten unha persistencia e unha frecuencia que as convirte en únicas respecto ás de outros países europeos con textos similares.

Pazo do almirante (Pontevedra)
Con este contexto histórico-literario ben definido, co sol aloumiñándonos e os arroaces por compañeiros de viaxe, partimos cara San Simón.




Recibíronnos Os trobadores de Manuel Ferreiro Badía (1998) e no marco incomparable da illa coa ría envolvéndonos e a ponte de Rande por cancela, adentrámonos no universo literario de Mendinho. De novo agroman as diferenzas sociais: aos trobadores coñecémolos por patronímico e un segundo clasificador (coma Pai Gómez Chariño) mentres os xograres só aparecen con nome (Mendinho), nome e alcume (Martin Codax) ou nome e procedencia (Johan de Cangas). 


Sería-m'eu na ermida de San Simon
e cercaron-mi as ondas que grandes son.
Eu atendendo meu amig'? E verra?
(Mendinho)
Coa nosa guía, Rosi
A continuación, Rosi, guía de Cruceros Ángel,  levounos a velocidade de rally nun percorrido histórico que partiu do século XII, cando se ten constancia de que a illa foi habitada por primeira vez, ata o 2017. Refuxio de templarios, inspiración de trobadores, fogar de pascualinos, bieitos e franciscanos, lazareto, campo de concentración, albergue nacional para a garda de Franco e orfanato. Son moitas e moi diversas as memorias desta illa. 

A pesar da brevidade, foi unha explicación maxistral dada desde o respecto e o recoñecemento a aquellos que viviron na illa, especialmente eses presos recluídos nesta illa ou no Upa Mendi (un barco-cárcere fondeado en 1938 na ría de Vigo) en condicións infrahumanas.



Sen medo de Francisco Remiseiro (2002) 







De San Simón a Redondela para repoñer forzas, e de alí a un espectacular descubrimento: a illa do Santo do Mar ou de San Clemente, onde rememoramos as cantigas de Nuno Treez.

San Clemenzo do Mar (Ardán) 

Des quando vos fostes d'aqui, meu amigo, sen meu prazer,
ouv'eu tan gran cita des y qual vos ora quero dizer:
que non fezeron des enton os meus olhos, se chorar non,
nen ar quis o meu coraçon que fezessen, se chorar non.
(Nuno Treez)


San Amedio de Bon (Bueu)

Na seguinte parada, a ermida de San Mamede (hoxe San Amedio), recuperamos a Johan de Cangas e Monteagudo fixo fincapé nalgo que xa nos indicara pola mañá, as relacións das cantigas de amigo coas cantigas de romaxe, e o feito de que en moitas das localizacións que se mencionan nas cantigas de amigo hai romaxes.

Amigo, se mi gran ben queredes,
id'a San Momed'e veer-m'edes
hoje non mi mençades, amigo.
(Johan de Cangas)


Abandonounos o sol mais non a poesía, e, engoiolados polos versos de Johan Soares Somesso, coa conexión dos templarios e os cabaleiros hospitalarios, fomos dar a Santa María de Castrelos, cun fermoso arco con decorado hexifolio. 

Santa María de Castrelos (Vigo)
ũa donzela quij'eu mui gran ben,
meus amigos - assi Deus mi perdon!
E ora ja este meu coraçon 
anda perdudo e fora de sén
por ũa dona -se me valha Deus!
que depois viron estes olhos meus,
que mi-a semelha mui mais doutra ren.


Museo do Mar (Vigo)

E para o final, a celebración do amor no Pergamiño Vindel coas cantigas de Martin Codax no Museo do Mar. "A conxugación perfecta da sacralidade do amor e sacralidade relixiosa" dixo Monteagudo.  Ao pé do pergamiño, imbuídos da tanxibilidade, percibimos a calma, a paciencia e o mimo detrás da escrita. A personalidade, meticulosidade e vulnerabilidade do copista que planifica arquitecturalmente a disposición do texto con todo detalle: espazo para a pauta musical, as miniaturas das letras maiúsculas iniciais alternando azul e vermello e unha perfecta distribución en columnas.

Monteagudo mergullounos nas ondas do mar evocando esa idea do baño e o mundo de crenzas e rituais pagás asociados a el. Fíxonos ver ese contraste entre o mar como elemento masculino que impide que o amigo cheque axiña, mantendo o ciclo dunha espera frustrada; e as ondas (a versión feminina) ás que apela a amiga buscando a complicidade das ninfas ou deusas pagás relacionadas co mar.

Indo máis aló, invitounos a ver a carga simbólica do texto, esa mención do sagrado (mais non aludindo ao santo) e o tema da romaría ausente, mostrando que Codax deixou atrás a composición tradicional da cantiga de romaría relacionada coa romaxe.


Privilexio aos peregrinos de Santiago outorgado por Alfonso IX de León, Galicia e Asturias (doc. anterior a 1228)

Cantigas de Santa María de Afonso X (Códice de Florencia) 
Fernando IV confírmale á Igrexa de Santiago todos os privilegios dados á mesma polos seus antecesores
Réplica do organistrum to Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela

Detalle do Pergamiño Vindel
O roteiro foi unha experiencia de aprendizaxe significativa e redonda e non quería deixar de agradecer a Henrique Monteagudo as súas explicacións e a Carlos Rodríguez e as súas axudantes o bo facer ao coidar todos os aspectos prácticos e loxísticos, que non foron poucos.


Para saber máis:
Cantigas medievais galego-portuguesas

No comments:

Post a Comment