Wednesday, May 17, 2017

As letras. Os libros

Un ano máis chega o 17 de maio, e esperta unha pensando na literatura. Que é o que andamos a buscar entre os monllos de palabras recollidos entre as cubertas dun libro? Os estudos céntranse no feito de que cómpre ler para sermos participantes activos no futuro democrático do planeta, para ser cidadáns e cidadás informados/as. 

E si, igual o home é un animal político, pero tamén é un feixe de emocións. A reflexión sobre os motivos polos que lemos non é nova, pero non por iso creo que se deba deixar de facer. Cada un terá que atopar os seus motivos.

Lemos para mellorarnos. Lemos para entreternos. Lemos para lembrar. Lemos para atopar algo bo, algo que nos sorprenda. Lemos para adquirir un gusto propio. Lemos para facer mellores xuízos. Lemos para anticipar. Lemos para empatizar. Supoño que lemos a Jane Austen para saber como amar coa feliz mistura de razón e sensibilidade. Lemos a Astrid Lindgren para atopar heroínas. Lemos a Paul Auster para convencernos de por que Brooklyn é un bo lugar para morrer. Lemos a Cunqueiro para recoñecer as raíces propias. Lemos a Ana Frank para medrar. Lemos a Roald Dahl para chorar coa risa. Lemos a Cervantes para recuperar un pouco do idealismo perdido. Lemos a Mary Shelley para descubrir o monstro dentro de nós. Lemos a Neruda ou a Benedetti para abarquiñar as lapas do amor. Lemos a Maya Angelou para roubarlle azos para a nosa loita diaria.

Lemos, sempre lemos.

Fonte: https://www.vigoe.es/cultura/libros/item/11838-carlos-casares-protagonizara-as-letras-galegas-do-2017

No comments:

Post a Comment