Monday, July 25, 2016

Epitaphs (V): Posthumous Letters in Venice

Colles o vaporetto desde Cannareggio, Fondamenta Nuove (Venezia) e comezas a peregrinaxe cultural cara San Michele. Entre Venecia e Murano albiscas a illa, que en realidade son dúas (San Michele e San Cristoforo della Pace) unidas por un estreito canal e que constitúen un camposanto desde 1837. A tríada de cores  que se distingue na distancia (o verde dos cipreses, o branco da igrexa de Codussi e o vermello do pavimento) evoca a bandeira italiana.




Venecia non é unha cidade calquera, e tampouco o é o seu cemiterio. Ao parecer, ata o século XIX os venecianos enterraban os seus mortos baixo lastras nas rúas, o cal era insalubre, máis en tempos de peste. Así xurdiu a illa dos mortos no 1837, onde se depositan os falecidos e despois duns 12 anos exhúmanse e ou ben se incineran ou se gardan en osarios en terra firme, agás os/as ricos/as, que poden pagar por quedar en San Michele máis tempo.
















E coma nestas anteriores entradas, preséntovos unha escolma de epitafios, cartas póstumas, que me chamaron a atención.

Tumba de Sonia Kaliensky (1907)
Comezo pola miña favorita, unha fermosísima talla de Enrico Butti para unha muller cunha historia ben triste, como despois tiven oportunidade de descubrir. Sonia Kaliensky foi unha noble rusa de 22 anos que foi a Venecia para celebrar o carnaval e afogar as súas coitas amorosas no alcol e despois en láudano. A moza represéntase nesta escultura no momento do seu suicidio, apenas cuberta pola saba.

Serge Diaghilew (1929)
Curiosa a homenaxe a Serge Diaghilew, nome crave na renovación do ballet no século XX. Fundou os Ballets Rusos en París, que aglutinaban os mellores bailaríns, coreógrafos, pintores e compositores do momento. Non hai flores na súa tumba, só zapatillas de ballet.

Igor (1971) e Vera (1982) Stravinsky
Tamén resoan acordes musicais, quizais da Sinfonía en Do, no curruncho onde xacen Igor Stravinsky e a súa dona Vera de Bosset.


Noutro recuncho encóntrase Joseph Brodsky (1996), quizais canso de "andar taconeando por aí", cunha "arañeira na fronte". Agora si "non pode soñar con nada, para existir menos, / para vir e pasar menos a miúdo, para non obstruír / o tempo"; aínda que a el debíalle parecer que si, pois a lápida di por detrás "Letum non omnia finit".

Por último, quedan aquí outros sen sona pero que me parecen poesía. Un último exercicio de creatividade por parte do finado ou dos seus familiares. Desgarradora a sección adicada a bebés e meniños.

"Il tuo sorriso riscalda ancora il mio cuore"
"His sun set while it was yet day"








Despedimos a entrada coa nova sección, o "Recinto XXIII" que está en funcionamento (aínda que inacabado) e que deseñou o arquitecto británico David Chipperfield despois de gañar o concurso internacional en 1998. Un volume bastante abstracto e que non pega para nada co resto do cemiterio.



No comments:

Post a Comment