Friday, June 3, 2016

Words in Poems and Music: Gelria

Hai tempo que me viña fixando na tenda O Pazo das Musas, na Rúa Nova (Santiago de Compostela), polo seu nome tan evocador e porque sempre ten cousas interesantes no escaparate. 

Fotografía tirada de https://www.google.es/
Finalmente foi un libriño-disco o que me obrigou a entrar. Trátase de Gelria co seu Cantos de poeta, unha escolma da lírica galega desde o Rexurdimento ata hoxe a través das voces de catorce autores: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Luís Pimentel, Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Luz Pozo Garza, Chús Pato. A estes hai que engadir os versos de Manuel Rivas, que van intercalados entre os versos dos escritores escolmados.





Gelria, nome tomado dun buque holandés no que navegou Manuel Antonio, é un trío composto por Mario G. Cortizo, percusionista, Federico Mosquera, pianista e Elena Tarrats, cantante.

Por que escoller poemas? Mario G. Cortizo explicou nunha entrevista que "Nós somos músicos, non letristas, e nunca poderiamos escribir así. Pero na música clásica, que é de onde vimos, o habitual é que haxa un libretista e un compositor". E foi con mimo e coidado que puxeron os sons aos versos, respectando escrupulosamente a métrica das poesías e aparellando a cada estrutura a música que mellor lle acae, desde aquela de tradición popular pasando pola clásica ou o jazz ata o pop.

Non tiven aínda ocasión de escoitar con calma o disco, pois téñoo emprestado, pero o libro é unha delicia, cunha edición multilingüe dos poemas, fotografías de Juan Luis Rúa, ilustracións de Sonia García Vidal e o uso de distintos papeis, como o vexetal no que se imprimiron as palabras de Rivas.



No comments:

Post a Comment