Monday, June 6, 2016

Letters in Books: Hermann Hesse y Thomas Mann. Correspondencia

Como vos dicía nunha anterior anotación, José Carlos, o bibliotecario de Pobra seleccionoume un feixe de libros de cartas entre os cales estaba  Hermann Hesse y Thomas Mann. Correspondencia (1992), traducido do alemán ao español por Juan José del Solar Bardelli.

Non rematei aínda o libro, pero como hoxe é o aniversario do nacemento de Thomas Mann (naceu o 6 de xuño de 1875), pareceume axeitado non esperar a acabar para escribir unhas liñas coas miñas impresións, e máis cando se trata da súa correspondencia con outro premio Nobel, Hermann Hesse.  O libro mostra na introdución que cando enfrentamos un/ha autor/a sentimos instintivamente curiosidade por saber da súa parella, amantes, amigos/as e inimigos/as, porque, quizais sen darnos conta, intuímos que todos eles nos axudarán de xeito decisivo a completar o cadro da súa personalidade, que a obra e o carácter dese/a autor/a só suxiren.

E así pasa con Hesse e Mann, estes homes non podían ter personalidades máis diferentes, de feito nunha carta que o último lle enviou a Mann para o seu 75º cumpreanos, recordando o seu primeiro encontro, dille "Para decir la verdad, no nos parecíamos mucho; esto ya se veía en la ropa y zapatos." Alén do obvio, non podían ser máis opostos: Mann, fillo dun comerciante da alta burguesía, mundano, elegante, virtuoso, extrovertido e atento ás apariencias. Hesse, crítico coa sociedade civilizada, mesurado, pouco propenso ás aparicións en público e introvertido.  Porén, as súas vidas e obras tiveron paralelismos e rasgos comúns: a rebelión contra o contexto burgués, o abandono da escola, e unhas nais que lle engadiron un toque exótico ás súas infancias alemanas (Brasil no caso de Mann e India no de Hesse).

As cartas que estes antípodas literarios intercambiaron no decurso de cincuenta anos transparentan o respecto mutuo que se profesaban e que pouco a pouco se transformou nunha amizade profunda e intercambio intelectual a partir do ano 1933, cando a familia Mann se exiliou. Ademais, neste caso cabe destacar outro aspecto que se recalca na introdución, que é a importancia dos epistolarios na cultura alemana, pois nos países nórdicos de Europa a relación epistolar "es de una intensidad y vivacidad difícilmente imaginable en nuestras latitudes, donde prima la relación personal y el rumor que va de boca en boca. Nuestra cultura, la del Mediterráneo árabe y europeo, ha circulado y se ha consolidado tradicionalmente por vía de la viva voz y el aire libre, en el ágora, en la calle, en los locales públicos; mientras que la nórdica se ha hecho por carta, en las publicaciones y a puerta cerrada". 
  
Amais disto, durante o período de entreguerras, de 1918-1945, existiu unha gran cantidade (e calidade) de corresponsais (Elliot, Hesse, Rilke, Joyce, Ortega y Gasset entre outros) que tiñan a conciencia de que as súas cartas eran máis que vehículos de relación privada: documentos, "probas" que algún día serían coñecidos polo público e mesmo editadas en vida polos seus autores/as. Probablemente por esta razón hai moi pouca cordialidade, efusividade ou confesións íntimas nestas cartas (nada coma as de Federico García Lorca, por exemplo) e moito menos unha frase mal escrita. 

Hesse publicou en 1951 un volume de Cartas, onde reuniu moitas das máis interesantes escritas a varias personalidades e lectores. Noutros casos, como o de Rilke, que xa comentamos aquí, as cartas chegan a ter a calidade de obras de expresa creación.

Déixovos dúas cousiñas: unha, a caligrafía de Thomas Mann, que neste artigo se etiqueta como indescifrable. Non diría tanto, é bonitiña, pero chégalle ben, si.

Fotografía tirada de http://image.slidesharecdn.com

E outra é a inscrición da entrada á casa de Hermann Hesse:

"Cando un chega a vello e xa cumpriu a súa misión,
ten dereito a enfrentarse apaciblemente
coa idea da morte.
Non precisa dos homes.
Coñéceos e sabe abondo deles.
O que necesita é paz.
Non está ben visitar a este home, falarlle,
facerlle sufrir con banalidades.
Cómpre pasar 
diante da porta da súa casa,
como se ninguén vivise nela".

No comments:

Post a Comment